Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Lousame e o Fondo Galego poñen en marcha os obradoiros gratuítos “Tecendo polo Cambio”


As clases de calceta impartiranse os luns de xuño no local social de Cruído, onde se fará unha práctica de “Yarn bombing” (elaboración dunha peza conxunta para cubrir mobiliario urbano)

O Concello de Lousame vén de abrir o prazo de inscrición para os obradoiros ‘Tecendo polo cambio’ nos que, ademais de aprender a calcetar, se reflexionará sobre temas como a cooperación ou a equidade de xénero. Trátase dunha das actividades de sensibilización fronte as desigualdades ofertadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o municipio é socio. As clases terán lugar no local social do Cruído, os luns de xuño de 16:00 a 18:00 horas, e a inscrición, que é totalmente gratuíta, pode formalizarse no departamento de Servizos Sociais ao longo deste mes de maio ou no 981 820 494. Tamén se facilitarán de balde os materiais necesarios para tecer.

Os días 6, 13 e 20 de xuño levaranse a cabo as aulas de calceta, para as que non se necesitan coñecementos previos, impartidas pola tamén monitora de lanoterapia Socorro Vázquez, que acudirá acompañada por persoal do Fondo Galego e mesmo representantes de ONGD ou de países do Sur, que conversarán coas persoas asistentes. O obxectivo é achegar ao eido rural e a veciñanza de todas as idades a defensa dos Dereitos Humanos, ao tempo que se recoñece o traballo feminino a través dunha tarefa compartida por mulleres de todos os tempos e culturas.

Yarn bombing

As e os participantes tecerán unha peza conxunta coa que o 27 de xuño se cubrirá algún elemento da rúa, nunha acción reivindicativa de “yarn bombing” ou “urban knitting”, unha técnica de arte urbana coa que apropiarse do espazo público, relacionando o individual co colectivo e rompendo a dicotomía público/privado. ‘Tecendo polo cambio’ encádrase no Plan de activades 2016 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cofinanciado pola Xunta de Galicia. Os obradoiros de calceta levaranse a cabo este ano en tres concellos socios, dos que Lousame será o primeiro en estrealos.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.